Non máis intervencións en zonas inundables! Sentidiño, por favor!

Anova Umia presentou alegacións á instalación de dous módulos prefabricados de madeira na zona inundable do Río Umia, en Caldas. O obxecto é a substitución de dous metálicos xa existentes e deteriorados debido precisamente ás periódicas enchentes que deberan ser tidas en conta en cada actuación das autoridades correspondentes, pero que como se pode comprobar ignoran sistematicamente. A este respecto, insistimos unha vez máis en que calquera obstáculo, fixo ou temporal, na zona inundable constitúe unha intervención ilegal que incrementaría os riscos para a seguridade de persoas e bens.

IMG_8267A documentación presentada polo concello de Caldas non fai referencia ningunha ao carácter inundable da zona nin ás enchentes periódicas do Umia, así como tampouco fai alusión a cálculos ou previsións nin da súa resistencia nin do comportamento dos materiais. Xa que logo, estase a ocultar información básica que afecta á seguridade das instalacións, podendo chegar a constituír un risco para a seguridade de persoas e de materiais.

Tanto o Concello de Caldas como Augas de Galicia (Consellaría de Medio Ambiente) acumulan unha serie de actuacións (o caso de paseos, pasarelas e pontes que se anegan e se estragan coa forza das riadas) nas beiras inundables do Río Umia que teiman en ir contra o máis elemental sentido común.

O problema de non termos instalacións axeitadas para os practicantes de deportes acuáticos naquela zona vén de lonxe e atende a unha falta de sensibilidade e mesmo de hixiene do Concello que aparece de xeito reiterado.

Anova Umia, ademais de esixirlle a Augas de Galicia que non admita a trámite a solicitude para a instalación dos devanditos módulos en zonas inundables (por incumprimento da normativa sobre augas dun documento tecnicamente incompleto), propón posibles alternativas. A necesaria dotación de equipamento axeitado para a práctica de deportes acuáticos pode situarse:

  • na zona da Carballeira, onde linda coa finca da Mariñoleira.
  • Tamén podería adicarse a este fin a caseta de madeira xa existente alí mesmo e que está a incumprir a finalidade para a que fora construída.
  • Unha terceira opción sería a creación dun espazo aproveitando o desnivel do terreo entre o pavillón deportivo e o edificio do Instituto.

Con todo, é inevitable lembrar que ben se puido ter incluído no proxecto da desgraciada reforma da Carballeira, que supuxo un total de 700.000 € de fondos públicos. Anova Umia mantén a súa firme postura de defensa da legalidade vixente arredor dun asunto tan delicado como son as zonas inundables do Río Umia. Manterémonos no máis estrito control de cada euro de diñeiro público que se pretenda malgastar en proxectos que non atendan ás cuestións de sentido común, algo que semella escasear en determinados despachos.

Deixar un comentario