As burgas de Cuntis: un breve percorrido histórico.

Introdución histórica

Temos que remontarnos á época prerromana para termos constancia da importancia das augas termais por estas terras. De feito, son un factor fundamental para o nacemento do núcleo vilego arredor precisamente delas, de xeito idéntico á veciña Caldas de Reis. Cómpre salientar o papel dos mananciais en tres facetas: os usos lúdicos, os terapéuticos e incluso os relixiosos. Eran considerados mesmo como santuarios, e de aí que se teñan atopado restos arqueolóxicos neles: tesouriños de moedas e aras votivas.

A súa importancia enténdese ao comprobar que mesmo lle deron nome a templos parroquiais e mosteiros altomedievais (séculos XI, XII…): Santa María de Termis, San Xiao de Caldas de Cuntis, Terra Termarum… A existencia de infraestruturas termais e fontes déronlle nome ao territorio. Ata o século XV Cuntis coñécese como Caldas de Cuntis (que significa as Caldas -ou burgas- de todos).

Dende o século XVI Caldas de Cuntis muda o seu nome para non ser confundido con Caldas de Reis, pasando a se chamar Baños de Cuntis (nome da vila e nome da xurisdición) que dura ata a formación dos concellos constitucionais (primeiro terzo do XIX). O topónimo Vila do Baño desaparece no uso administrativo (pero non cotián) nos anos 50 do século XX. Baños/O Baño fai alusión á existencia dende tempo antiquísimo (romano) dunha infraestrutura termal: o Balneum.

Existen referencias documentais das augas quentes dende tempos remotos, mais será a partires de 1690 (aproximadamente) cando coa Ilustración se empecen a describir mananciais e resto de infraestruturas existentes.

A auga de todos/as

É xa no século XVII cando a hoxe coñecida como Lume de Deus era utilizada polo común para diversos usos: aseo, terapéutico e doméstico (desplumar aves e lavar a roupa). Este manancial daba auga a un pío comunitario onde os veciños/as lavaban a roupa (fonte: Limón Montero, “Espejo cristalino de las aguas de España”). En 1829, reunidos veciños e administración local, deciden derivar parte do caudal da burga citada para construír uns lavadoiros “públicos” con 5 pías individuais. O proxecto elabórao o mestre de obra Antonio Dapena (fonte: AHPP Protocolos notariais).

Sabemos que dende polo menos o século XVII, o edificio que hoxe é o Hotel La Virgen era un hospital público (provisto de cirurxián) onde se daban augas a visitantes e camiñantes.

Nos primeiros anos do XIX, Pedro María de Cisneros, II Conde de Ximonde, funda en base ao seu patrimonio unha obra pía para dar hospital a pobres de todo o Reino Galego, podendo usar as augas de Cuntis sen teren que pagar nada. Hoxe esta fundación non existe e durante as primeiras décadas do século XX trasladouse para unha casa fidalga hoxe coñecida como O Hospitalillo (a Casa da Cultura), xa que seica quedaba mal que os pobres andivesen polo medio da “alta sociedade”.

No Parque do Castro existían varios mananciais, algún dos cales eran usados a diario pola xente do común (cando menos dende comezos do século XX). De aí que incluso existise unha casa de Baños para pobres. Hoxe tampouco existe esta función. A xente da vila accedía a esta finca sen pedir permiso, empregaba os seus xardíns dende cando menos os anos 40 do século pasado e collía auga do manancial da Burga do Castro cando non se aseaba.

O comezo dos conflitos

Ao longo da Historia recente e ata cando menos os primeiros anos da década dos 90 (do século pasado), a xente tomaba baños gratuítos no Balneario do centro da vila (e non só os “pobres de solemnidade” nin por “magnanimidade do propietario” do establecemento). Durante varios anos da década dos 80, por métodos quizais pouco éticos, impedíuselle á empresa que explotaba as augas termais que recollese o caudal da Burga Lume de Deus na tempada estival (como viña a facer dende había moitos anos e por telo consentido a veciñanza). Isto provoca a aparición de conflitos e tensións que darían na apertura dun proceso xudicial que se prolonga pola década dos 90, e onde o propio alcalde (daquel tempo) ía ser condenado por diversos motivos e tería que pagar unha elevada multa económica (arredor de 8 millóns de pesetas).

burgaA sentenza non chega a executarse e daquela aparece un documento ocultado aos grupos políticos, ao Pleno e aos veciños no que o alcalde lle recoñecía á empresa antes referida (por primeira vez na Historia) a propiedade en termos plenos das burgas e mananciais existentes en zonas públicas: Lume de Deus e Rúa Real. Isto volve derivar en tensións, conflitos e de novo un proceso xudicial, no que toda a oposición (daquela PP, BNG e Dependentes de Cuntis) esixen que sexa nula a acta de transacción xudicial pola que os mananciais pasarían a mans privadas. Noutras verbas, no proceso xudicial non se buscaba a anulación de tal documento, senón que este fose declarado nulo de pleno dereito por se tratar dun documento oculto e asinado por un Alcalde que non estaba autorizado para tales efectos (nin polo Pleno nin tan sequera polo seu propio partido). Tanto é así que de se ter que facer un recoñecemento da propiedade de recursos minerais, que xa de por si deben ser entendidos como públicos (outra cousa é a licenza de explotación), debera facelo o organismo competente na materia (Ministerio de Industria ou Consellaría).

Naquel proceso xudicial, o obxectivo non foi conseguido. Variadas anécdotas e circunstancias, moitas delas certamente miserables, poderían explicar mellor aquela situación. Corría o ano 2005 e foi a autoorganización veciñal a que mantivo a consciencia social activa, xerando un estado de mobilización que desembocou nun tenso pleno municipal no que, nunha vergoñenta e lamentable actuación, o goberno municipal daqueles días decidiu non apelar a sentenza e, xa que logo, non loitar pola titularidade pública das augas termais de Cuntis.

Dende 1997, todos os mananciais cuntienses están rexistrados na Consellaría de Industria a nome dunha entidade privada que os explota e se lucra con eles. Ten o absoluto monopolio e control sobre eles. Son arredor de 20, 2500 m3 de auga mineral (termal) ao día, 2.500.000 litros diarios. Tendo incluso mananciais que botan a descomunal cantidade de 16’6 l/s.

A empresa sempre se escudou nos procesos xudiciais ademais de en dereitos e lexislación vixente, na necesidade de ter un importante caudal de auga cando, insistimos, posúe o control absoluto de toda a auga termal da vila de Cuntis. Desta situación derívanse varias consecuencias:

  • en aras dos recoñecementos de aproveitamento que ten a empresa explotadora do ben público, podería facer uso teórico dos seus caudais

  • proliferaron as prospeccións mineiras, o que ten ocasionado a irregularidade de caudal dalgúns mananciais (Lume de Deus), aínda que hai quen atribúe isto a fendas na arqueta (en zona pública)

  • a mingua de caudal que vai aos emblemáticos Lavadoiros podería supoñer unha afectación contra o patrimonio etnográfico.

  • perda de bens e dereitos públicos, dos usos e costumes da veciñanza, é dicir, do dereito consuetudinario, que está por enriba da xurisprudencia.

O máis recente

No 2012 acométense obras no Parque do Castro (propiedade dunha empresa instalada na vila do Baño – Cuntis), tanto en toda a súa superficie –deixando paso para pescadores– como nun antigo edificio dun só andar que foi empregado noutro tempo como casa de baños para pobres. Neste lugar manan diversas fontes termais, unha das cales –coñecida como do Castro– é empregada dende tempo inmemorial polas xentes do común. Amais disto, os propios cidadáns/ás cuntienses e doutras zonas accedían a este recinto sen impedimento ningún. As cancelas da facenda adoitaban estar abertas xeralmente. En tempos máis recentes, anos noventa do século pasado e ata a declarada data de 2012 –aproximadamente– unha ponte de madeira que cruza o río Gallo (lindeiro co devandito recinto) tamén consentía que as persoas accedesen a ese lugar sen ningún impedimento, cadaquén podía deambular por ese parque aínda que non así penetrar na casa de baños. A teor disto, en calquera momento do ano e a calquera instante do día (ou da noite) un/unha cidadán/á podía servirse da Burga do Castro penetrando nesa parcela que –como se albisca– os veciños/as tiñan adquiridos certos dereitos de paso (suxeitos logo ao dereito consuetudinario).
Dende o momento en que comezan as obras de remodelación da parcela e incluso da antiga casa de baños (para seren empregadas para celebración de eventos varios), interrómpese o acceso ao recinto e, recentemente, péchase incluso o declarado manancial, polo que a cidadanía continúa a perder dereitos e servizos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s